CRTVG

Buscar

Alumnos do IES Rosalía de Santiago celebran os 30 anos de España na UE

Publicado o 26/02/2016 09:48

Trátase dun concurso organizado polo Parlamento Europeo

Xa o gañaron cinco veces, e van pola sexta. O concurso é unha sorte de reflexión sobre as orixes e mailo futuro da Unión. As actividades organizadas polos rapaces, coma o coloquio que mantiveron con Paula Prado, Emilio Pérez Touriño e Camilo Nogueira baséanse nos 30 anos do ingreso de España na Unión. 

"Vostedes que opinan? Estivo mal formulada a moeda única? Os problemas polos que atravesamos agora son resultado daquelas decisións?", pregunta un dos cativos.

Evidentemente, ningún deles nacera aínda o ano en que España entrou a formar parte do club europeo. Ata hoxe mesmo, poucos sabían da experiencia de Camilo Nogueira no Parlamento da Unión, entre 1999 e 2004.

"De aquí a Finlandia podedes ir no coche e non se vos pide pasaporte en lado ningún. Probablemente nunca repararades nisto pero, igual que sucede coa sanidade e maila educación, é algo insólito no mundo enteiro", explicou Nogueira. 

Para ilustrar o que levan indagado e aprendido con esta iniciativa, os rapaces teñen un blog que pode consultarse na páxina web do instituto. Aquí reflexionan, por escrito pero tamén en voz alta, sobre o principais problemas que afectan a Unión. 

"Eu creo que para que a Unión Europea non desapareza e non se desintegre debe instalarse un goberno real e non de tecnócratas, escollido polos cidadáns, que propicie unha unión real e respecte a plurinacionalidade e maila diversidade da Unión", explica outro.

Pero se algo lles proe a estes pequenos ilustrados é a crise humanitaria desatada no vello continente a conta dos refuxiados. 

"Que máis dá se son afgáns, sirios ou de onde veñan? Todos somos persoas e temos dereitos. Deberiamos aprender a ser máis solidarios e a poñernos na súa pel. Que pasaría se nós tivésemos unha guerra aquí?, explica Irene. 

O resultado do concurso, no que participan centros educativos de toda España, coñecerase en maio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2016