Alumnos do CEIP de Pedrouzos, en Brión, participan nunhas charlas contra o lume
Axentes forestais visitan estes días colexios galegos para concienciar os nenos da importancia da prevención na loita contra o lume e dos danos que causan os incendios. Hoxe alumnos do Colexio de Infantil e Primaria de Pedrouzos, en Brión, participaron nesta actividade e aprenderon por que e como hai que coidar o medio natural.
Falan de algo moi serio, da prevención dos incendios, dos danos que causan e, en xeral, do coidado da natureza, pero fano de xeito participativo e divertido.
É a mellor forma de que os nenos reteñan a mensaxe que lles queren trasmitir con esta actividade.
Santiago Neira, axente medioambiental: "É para que os rapaces poidan ver a problemática do lume no monte, a perda arbórea, a perda de solo, a perda de animais".
E para que asimilen ben estas ideas é mellor facelo canto antes.
Santiago Neira, axente medioambiental: "A información que lle pode chegar á xente máis nova é moi importante, porque a xente máis adulta temos xa unhas ideas preconcibidas do que é a problemática do lume, pero eles, realmente, poden cambiar esas ideas para mellor".
O que máis lles gustou os nenos do colexio de Pedrouzos, en Brión, foi isto.
Aixa, alumna do CEIP de Pedrouzos: "Que nos deixaron probar as mangueiras".
Pero aprederon moitas cousas máis.
Candela, alumna do CEIP de Pedrouzos: "É moi importante non prender no bosque porque nos está prexudicando".
Candela, alumna do CEIP de Pedrouzos: "Non se pode tirar plásticos á natureza porque contaminamos e prexudicamos os animais e a nosa vida".
Xa saben a teoría, agora só lles falta levar eses coñecementos á práctica.