Alumnos de turismo fan visitas teatralizadas na Casa do Pozo de Santa Comba
Alumnos de promoción turística do obradoiro de emprego Xallas-Dubra ensinan e explican o valor da Casa do Pozo de Santa Comba, un edificio do século XIX arredor do que xiraba a vida da vila coruñesa. Son os protagonistas das visitas teatralizadas coas que fan prácticas. conta unha das actrices.
Dona Eulalia é a ama de chaves e recibe os visitantes para explicarlles como era e como funcionaba a casa fidalga de Santa Comba, a Casa do Pozo. Ela, como o resto dos actores que teatralizan a visita, son alumnos do curso de Promoción Turística do obradoiro de emprego do concello de Santa Comba.
Este edificio contén toda a historia ou unha parte da historia do que é a vida de Santa Comba.
"É unha casona moi importante na vila, roldaba a vila arredor do pazo, crece un pouco a vila a través de aquí", di Sandra Pesqueira, profesora do obradorio de emprego de promoción turística local Xallas-Dubra.
Dentro da casa, a ama de chaves e os seus axudantes explican o que é unha peneira e outros aparellos que se usaban cando a vivenda estaba habitada.
"Isto vén sendo un utensilio que se chama ferrado, enchémolo de trigo ou de millo, e vén sendo un ferrado de trigo, un ferrado de millo...".
A visita remata na sala da minería, onde un actor caracterizado de mineiro explica a importancia que tiveron as minas do volframio de Santa Comba durante a segunda guerra mundial.