CRTVG

Buscar

Alu Ibérica paraliza a produción nas plantas da Coruña e Avilés para adaptarse ao novo decreto

Publicado o 30/03/2020 18:11
Alu Ibérica paraliza a produción nas plantas da Coruña e Avilés para adaptarse ao novo decreto

Alu Ibérica, propietaria das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña, paraliza a súa produción de aluminio nestas instalacións para adaptarse ao novo decreto que aprobou o Goberno e que ordena o peche daquelas actividades que non se consideran esenciais como medida de prevención contra o coronavirus. 

Deste xeito, manterá a súa actividade paralizada durante, cando menos, 11 días, ata o vindeiro xoves 9 de abril. Alu Ibérica garantirá os servizos mínimos indispensables de mantemento, limpeza, vixilancia e servizo médico nas súas fábricas e continuará dando servizo aos seus clientes de pastas  electrometalúrxicas na fábrica da Coruña.   

A compañía respecta as decisións tomadas polo Executivo, por darse nun contexto de "circunstancias excepcionais".   "Mantemos informados os nosos clientes, empregados, provedores e contratistas sobre o impacto destas medidas. Desde  Alu Ibérica, respectamos as decisións subordinadas ao interese xeral tomadas polo Goberno ante circunstancias excepcionais", sinalan nun comunicado.