CRTVG

Buscar

Alu Ibérica di que "actuará" legalmente contra "presións" do comité de empresa da Coruña

Publicado o 28/05/2020 18:09
Alu Ibérica di que "actuará" legalmente contra "presións" do comité de empresa da Coruña

A dirección de Alu Ibérica denunciou "falta de apoio" por parte do comité de empresa da planta coruñesa, á vez que advirte que "actuará con toda a súa batería legal fronte ás ameazas e presións recibidas por parte do devandito comité", engade. Nun comunicado remitido desde o Grupo Riesgo, actual propietaria, a dirección mostra, en resposta ás concentracións e declaracións realizadas na xornada deste xoves, "a súa decepción ante as continuas accións en contra do proxecto de futuro levadas a cabo polo comité de empresa de Alu Ibérica A Coruña".

"Xeran confusión entre o resto dos traballadores e cuxo único fin é a desestabilización do plan que a compañía quere levar a cabo sen ter unha alternativa real a cambio", salienta a compañía. A dirección "actuará con toda a súa batería legal fronte ás ameazas e presións recibidas por parte do comité de empresa". Ademais, avanza que estudará se a mobilización deste xoves foi en contra "das normas de seguridade e hixiene ditadas no estado de alarma"

Os xestores animan o comité de empresa da Coruña "a seguir os pasos de Avilés, que actualmente están a axudar e traballando na implementación do proxecto co obxectivo de garantir o futuro das plantas e do emprego". A compañía lamenta que o comité da Coruña "non recoñeza o esforzo e o investimento realizado desde a súa entrada hai mes e medio, coas numerosas medidas adoptadas e investimentos ata a data, tal e como se explicou nas sucesivas reunións presenciais mantidas".

A dirección insiste "en que a viabilidade da compañía, a actividade e os empregos pasa por traballar de forma conxunta no proxecto común de futuro, único real e viable hoxe en día". "De non ser así", alerta de que poderían asistir "a unha situación de peche ou redución de cadro similar ás producidas hoxe noutras plantas industriais en Lugo ou Barcelona", conclúe.