CRTVG

Buscar

Alu Ibérica denuncia que Alcoa incumpre o acordo de compra das plantas ao non abonar os pagos pactados

Publicado o 01/06/2020 16:49
Alu Ibérica denuncia que Alcoa incumpre o acordo de compra das plantas ao non abonar os pagos pactados

A dirección de Alu Ibérica revelou que Alcoa incumpriu o acordo asinado con Parter Capital para a adquisición das plantas da Coruña e Avilés (Asturias), despois de que a multinacional estadounidense non abonase os pagos acordados desde fai máis dun mes.

O novo propietario destas fábricas, Grupo Industrial Riesgo, esperou ata o último momento para que Alcoa cumprise os acordos pero, ao non obter resposta dos xestores anteriores, procedeu ao pago, por segunda vez, das nóminas de todos os traballadores, segundo explica nun comunicado.

Grupo Riesgo entende que estes atrasos causaran incerteza no cadro sobre o futuro da actividade industrial, aínda que garantiu os soldos dos empregados e xa se atopa en contacto coas autoridades competentes para presentar un plan industrial.

As plantas da Coruña e Avilés pertencían anteriormente a Alcoa, que anunciou en outubro de 2018 que deixaba de producir nesas instalacións alegando un alto prezo da enerxía.

Finalmente, produciuse a venda das mesmas ao fondo suízo Parter Capital, que se materializou o verán de 2019, tras a negociación de todos os axentes, incluído o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. As plantas pasaron a pertencer a un grupo denominado Alu Ibérica, pero, en abril deste ano, Grupo Riesgo adquiriu estas plantas.