CRTVG

Buscar

Alu Ibérica cesa por causas disciplinarias o presidente do comité de empresa da Coruña

Publicado o 11/02/2021 19:08
Alu Ibérica cesa por causas disciplinarias o presidente do comité de empresa da Coruña

Alu Ibérica comunicou este xoves o despedimento “por causas disciplinarias” de catro membros do comité de empresa da planta de aluminio da Coruña que foron identificados nun incidente que tivo lugar na factoría o 17 de decembro, informou a compañía nun comunicado.

Un dos despedidos é o presidente do comité de empresa da factoría, Juan Carlos López Corbacho. O Grupo Riesgo, propietario de Alu Ibérica, acúsaos de protagonizar “agresións” contra outros empregados por mor dun despedimento comunicado o mesmo día en que ocorreron os feitos, pero a representación sindical negou as supostas agresións.

A raíz do incidente, os traballadores iniciaron unha folga e a compañía abriu expediente sancionador aos catro integrantes do comité identificados. Despois de recibirse e analizado as alegacións dos expedientados, a dirección da empresa e o equipo xurídico determinaron que os feitos son “moi graves” e, por tanto, susceptibles de despedimento disciplinario, tal e como se recolle no convenio colectivo e no estatuto dos traballadores, indica a compañía.

A empresa argumentou que se viu “obrigada” a tomar esta decisión porque “a violencia non ten cabida en Alu Ibérica”. “Garantir a seguridade e a integridade física de todos os traballadores é unha prioridade irrenunciable para a dirección”, sostén.