CRTVG

Buscar

Aloxamentos singulares e orixinais para gozar desta ponte festiva en Galicia

Publicado o 11/10/2018 13:45

A ponte festiva é para moitos sinónimo de descanso e relaxación. Se ademais serve de escusa para facer turismo e coñecer novos recunchos, saiban que Galicia conta con numerosas opcións de aloxamento coidadas e afastadas do estrés diario. Imos descubrir algunhas das alternativas máis singulares e orixinais que existen para pasar a noite na nosa comunidade. 

En plena ría de Ribadeo está un dos aloxamentos singulares de Galicia. O de Illa Pancha é o primeiro faro de España transformado en hotel. Data de 1857, e malia non estar en servizo, conserva a escaleira de caracol orixinal. Ao subir á lanterna ofrece unha visión de 360 graos sobre o horizonte.

Galicia conta tamén con varias cabanas penduradas das árbores. Na contorna da ría de Muros e Noia atópanse estas construcións, cun deseño arquitectónico coidado, e con todas as comodidades. Aloxamentos de luxo que propoñen unha experiencia única e relaxante, en plena natureza.

Os amantes do campismo de alta calidade, coñecido como "glamping" teñen tamén alternativas de descanso. Entre elas estes bungalós situados en Baiona, en primeira liña de praia. Permiten relaxarse e durmir respirando a brisa do mar, ser perder un ápice de confort.

Algo máis sinxelo é o aloxamento que poden atopar os peregrinos que pasen a noite neste albergue, situado en Palas de Rei. De inspiración xaponesa, conta con liteiras-cápsula, que ofrecen unha maior intimidade que as tradicionais. Tradición e vangarda, en pleno Camiño de Santiago.

Pero se o que prefiren é aloxarse nun edificio do século dezaoito, nas proximidades de Santiago está este hotel de 5 estrelas. Cunha zona exterior moi coidada, o seu restaurante ofrece gastronomía de autor e tamén a posibilidade de gozar do relax no seu balneario de luxo. Un pracer para os sentidos, no corazón de Galicia.










 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2018