CRTVG

Buscar

Almuíña, disposto a aumentar o cadro de persoal de enfermería se asumen novas funcións

Publicado o 22/02/2019 19:32

A Consellería de Sanidade está disposta a atender unha das reivindicación do persoal de enfermería en relación ao novo modelo de Atención Primaria que lles atribúe máis carga de traballo. O conselleiro amosou a súa disposición a aumentar o cadro de persoal de enfermería se asumen máis funcións.

O borrador do novo modelo de Atención Primaria incrementa a carga de traballo do persoal de enfermería. O colectivo di estar preparado para asumir as novas tarefas pero pide cobertura legal.

"A enfermería está preparada e, ademais, así o reflectimos sempre. Está preparada e quere asumir novas competencias e novas funcións pero claro, iso dentro dun marco legal que non se menciona para nada neste documento. Evidentemente a enfermería pode facer triaxes na entrada pero ten que ter unha cobertura legal; pode recibir o paciente, pode derivalo pero iso ten que ter unha cobertura legal".

O conselleiro de Sanidade asegura que están dispostos a aumentar o cadro de persoal de enfermería se asumen novas funcións. Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade: "Ao final é, se incrementamos tarefas que vai facer enfermería loxicamente iso pode levar ao incremento do persoal e estamos dispostos. Pero xa fixemos algo antes de empezar este proceso que é a creación de enfermeiras especialistas en medicina de familia e enfermeiras especialistas en pediatría polo tanto, estamos dándolle un plus a maiores".

O conselleiro de Sanidade insiste en que o novo modelo de Atención Primaria vai ser un éxito e destacou que xa hai dúas comunidades autónomas que lle solicitaron o documento a Galicia porque, dixo Vázquez Almuíña, "viron que lles podía ser moi útil".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/02/2019