Alivio no Lugo tras outra permanencia agónica con inestabilidade no banco
Por segundo ano consecutivo o Lugo logrou unha xesta. Unha permanencia pola que, como dixo o propio Albés nas vésperas, ninguén apostaba fóra de Lugo.
Necesitaba gañar en Vallecas e conseguiuno. Gerard Valentín, Manu Barreiro e o porteiro Ander Cantero foron os heroes da noite, pero as reaccións tras o asubío final revelaron a forte implicación de todo o equipo e a complicidade máis emotiva entre os veteranos e os mozos.
A figura de Ander Cantero, que xa viña crecendo, fíxose enorme en Vallecas. Neutralizou todos os tiros do Raio, que atacou sempre, incluso acabado o partido do Molinón, co Sporting derrotado e o playoff asegurado. En Vallecas só habia espazo para a alegría e o alivio... Ó presidente Tino Saqués volveu saírlle a manobra, igual que a temporada pasada con Juanfran. Albés caneou a pregunta sobre o seu futuro no tempo de festexar.
Preocupacións menores para o Lugo, que seguirá xogando na segunda divisón por décima temporada seguida.