CRTVG

Buscar

Alivio nas urxencias do CHUAC: de 300 a 11 ingresados por coronavirus

Publicado o 29/05/2020 13:52

Un dato que nos pode dar unha idea da evolución positiva da pandemia en Galicia é o da situación nas urxencias. No Complexo Hospitalario da Coruña chegou a haber máis de 300 persoas ingresadas por coronavirus durante o pico de comezos do mes de abril. Hoxe só quedan 11. Os responsables dos servizos de urxencias cren que o sistema está agora mellor preparado para un hipotético rebrote, pero pídennos responsabilidade para poder evitalo. 

"A forma de controlar un rebrote é coas medidas de illamento social, deses 2 metros, co uso de máscaras, o lavado e hixiene de mans. Iso temos que mantelo. Se a poboación, que somos todos, somos capaces de manter iso, probablemente o rebrote sexa moito máis levadío e o sistema poida dar resposta", di José Manuel Fandiño, coordinador de Urxencias no CHUAC.

Durante o pico da pandemia, os sanitarios asumiron un gran esforzo, facéndolle fronte a situacións e experiencias sen precedentes .

"Había medo á mortalidade, foi algo que me impactou moito. Impactoume moito tamén o tema de non acompañamento no último momento, tanto por parte dos familiares, da dor dos familiares como do paciente. Outra cousa que me impactou pero positivamente foi a resposta do persoal. Nos servizos de urxencias e emerxencias non houbo xente que dixera: 'Eu non vou ir'. Dicíanme: 'Chámame para o que necesites, eu vou estar'", asegura Fandiño.

Para afrontar esa presión, o estrés e o sufrmiento emocional do persoal sanitario, no CHUAC organizaron sesións de terapia psicolóxica, que moitos seguen precisando.

"Houbo xente que o necesitaba e é certo que hai xente que aínda o necesita. Hai xente que ten problemas para conciliar o sono, problemas de estrés. E temos que coidarnos os profesionais, porque isto é como un accidente con múltiples vítimas. É dicir, se o equipo cae, non podemos facer nada, entón hai que coidar a xente moito", sinala o máximo responsable das urxencias no CHUAC.

Apela o doutor Fandiño a un uso responsable dos servizos de urxencias para poder seguir ofrecendo unha atención óptima.

Noticias web

29/05/2020