Alivio nas UCI da área sanitaria de Lugo co aumento das vacinas
Dende que comezou a pandemia, pasaron polas UCI da área sanitaria de Lugo máis dun cento de persoas. Pero agora os datos van en constante melloría, e nas últimas horas chegaron a ter todas as camas baleiras, unha situación que non se daba nos últimos catro meses e detrás da cal, din, está a vacinación.
"Chegamos á UCI e vimos que non había ningún Covid e deu sensación de alivio, pero un alivio ficticio. Xa ingresamos dous novos pacientes, e son novos, por iso incidimos na importancia da vacinación, e é que xa non ingresamos xente maior", sinala Ana Ferreiro, xefa de servizo da UCI do HULA.
Sinalan que non hai que baixar a garda porque o virus segue aí, pero en só tres meses pasaron de ter a máxima ocupación a traballar con maior tranquilidade.
"Estamos mellor, máis tranquilos, máis desafogados. Non é o apuro da terceira onda, que foi horrorosa, con tres e catro ingresos por noite. Agora non, agora levámolo moito mellor, entra hoxe un enfermo, en tres días outros, vai ser así ata que todo o mundo estea vacinado", sinala Ana Ferreiro, xefa de servizo da UCI do HULA.
Nos momentos de maior presión hospitalaria, as UCI da área sanitaria de Lugo mesmo chegaron a atender numesos pacientes doutras zonas, como é o caso de Ferrol.