CRTVG

Buscar

Alivio das restricións coa ampliación da ocupación na hostalería e no ocio nocturno

Publicado o 19/08/2021 15:14

Bares e restaurantes poderán atender un maior número de clientes a partir da fin de semana. Na noite do venres ao sábado entran en vigor as novas medidas. Amplíase a ocupación, sobre todo no exterior. "Mellor", di un hostaleiro, que engade que agora poderán recuperar parte da facturación. 

Na hostalería os cambios non afectan ao nivel máximo de restricións. Pero no alto, a capacidade das terrazas pasa do 50 ao 75 por cento, e nos concellos en mellor situación, poderanse ocupar na súa totalidade.

Tamén aumenta do 50 ao 75 por cento a acollida máxima no interior dos locais, nos concellos que se atopen no nivel máis baixo de restricións. Un hostaleiro di sentirse contento coas novas medidas. "Era hora!- exclama- había moita xente e non podiamos atendelos a todos, debido ás restricións". 

Hai tamén novidades no ocio nocturno. O interior de pubs e discotecas seguirá pechado en nivel máximo e alto, pero as terrazas poderán ocuparse ao 75 %. Ademais aumenta do 30 ao 50 por cento a ocupación no interior, sempre que estean en nivel medio ou baixo de restricións.

Unha relaxación das medidas que tamén aplaude, con matices, a clientela: "Paréceme ben, sempre e cando se cumpran as medidas de seguridade", -comenta un turista-, e que segundo a Xunta ten como obxectivo fomentar o uso dos espazos exteriores, onde hai menos posibilidades de contaxio, promovendo a recuperación- din- do sector hostaleiro.

Noticias web

19/08/2021