CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Algúns xuristas aseguran que o si sobre o consentimento sexual ataca a presunción de inocencia

Publicado o 12/07/2018 14:53

A reforma da Lei de axuizamento criminal, proposta por Carmen Calvo, segue dando que falar entre os xuristas. A vicepresidenta do Goberno quere achegarse ao Código Penal sueco, onde calquera acto sexual, sen consentimento expreso, se considera violación. Os xuristas din que o "si" sobre o consentimento sexual ataca a presunción de inocencia.

"Se unha muller non di si expresamente, todo o demais é non", aseguraba Carmen Calvo.

Estas son as declaracións que espertaron a inquietude dos xuristas. Pregúntanse de que xeito se vai introducir este cambio no Código Penal.

"Como se vai demostrar ese consentimento? Vai haber un papel para asinar? Habería que ter en conta outro tipo de circunstancias para tipificar o delito", comenta Carmen González Ferro, vicedecana do Colexio de Avogados de Santiago.

Outro perigo desta reforma, que destacan os avogados, é que ataca a presunción de inocencia.

"Non podemos deixar que a lei quede de parte da vítima. Existen as denuncias falsas e son moi complicadas tamén de demostrar", asegura a avogada Ana Camiño.

"Caemos no risco de que haxa inconstitucionalidade e se vulneren dereitos e artigos da Constitución", di Carmen González.

O outro tema que preocupa os xuristas, a liberdade dos xuíces para interpretar.

"Claro que as leis teñen que ir cambiando porque as circunstancias mudan, pero os xuíces sempre teñen que ter capacidade para interpretar e facer cumprir a lei", comenta Ana Camiño.

A reforma xorde a raíz da sentenza da Manada. O Goberno non aclarou como vai acometer os cambios, si dixo que o fará a través dun grupo de xuristas feministas e expertas en violencia de xénero.