CRTVG

Buscar

Algúns veciños da Fonsagrada saíron hoxe da casa por primeira vez nunha semana

Publicado o 10/02/2018 10:15

Despois de nove días de nevaradas, a normalidade volve pouco a pouco á montaña de Lugo. Nalgúns núcleos da Fonsagrada hoxe os veciños saían por primeira vez da casa, onde levaban illados toda a semana. As estradas principais están listas pero, malia todo, hoxe houbo 173 rapaces que non puideron ir á clase.

Esta mañá podía saír por primeira vez da casa a dar un paseo logo de estar toda a semana illado por mor da gran cantidade de neve acumulada mesmo na porta da súa casa. Na aldea de Leituego, na Fonsagrada, van volvendo pouco a pouco á normalidade. Os veciños das tres vivendas que quedan habitadas din que hai moito tempo que non tiñan tantos problemas coas nevaradas.

Grazas aos servizos de Protección Civil hoxe podían recibir a visita do persoal de axuda a domicilio, que estes días non pode viaxar co seu turismo, como é habitual, para dar servizo aos veciños de distintas aldeas da Fonsagrada. Protección Civil tamén tivo que axudar a algúns habitantes que non podían saír da casa para ir ao médico.

Xa non neva e pouco a pouco volve a normalidade a toda a montaña de Lugo. Aínda así hoxe quedaron sen clase 173 alumnos de sete colexios. Case todos eles, 163, pertencen aos centros escolares da Fonsagrada, a zona máis afectada polo temporal. As nevaradas provocaron a caída de numerosas árbores, pero por fortuna non se produciron danos no tendido eléctrico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2018