CRTVG

Buscar

Algúns hoteis de Santiago pechan temporalmente, e outros reinvéntanse

Publicado o 15/11/2020 15:40

A cidade de Santiago está pechada, e os seus hoteis seguen o mesmo camiño. Cada nova medida restritiva tomada para combater o virus é un golpe para un sector que acumula meses de moi baixa ocupación. Os que resisten abertos teñen baleiros arredor do 80 % dos cuartos.

Lalo Crespo, director do hotel Oca Puerta del Camino, di que para eles e para todos os hoteis "foi unha ferida moi grande, porque a partir de aí o único segmento que está funcionando é a empresa e os equipos deportivos".

Sen turistas, as empresas e os traballadores de servizos esenciais son os principais clientes dos hoteis, que enfrontan a crise con servizos novos como a dispoñibilidade de espazos habilitados para reunións en liña.

"Evidentemente son situacións difíciles, complicadas. Está a axudarnos moito o das reunións virtuais. Temos datas comprometidas deste mes de novembro e incluso de decembro. No servizo de restaurante, que só podemos ofrecer para os clientes aloxados, comezamos con menús de comida para levar", indica Lalo Crespo. 

Con todo, máis da metade dos hoteis de alta categoría pecharon as súas portas temporalmente na capital galega. O emblématico Hostal dos Reis Católicos facíao este venres, tras chegar a un acordo co cadro de persoal. O Palacio do Carme non ten previsto volver abrir antes de xaneiro. Tamén cesaron a actividade A Quinta da Auga e o San Francisco.

"É complicadisimo poder subsistir, o plan de axudas ten que chegar dunha maneira ou doutra, se non moitos van quedar polo camiño", explica o director do hotel Oca Puerta del Camino.

A falta de hóspedes, os hoteis baixan os prezos nalgúns casos á metade. Aínda a noite deste domingo é posible atopar un cuarto con almorzo incluído nun hotel de catro estrelas por menos de 50 euros.

Noticias web

15/11/2020