CRTVG

Buscar

Algúns camioneiros galegos conseguen saír do Reino Unido

Publicado o 24/12/2020 14:12

Tras pasar catro días atrapado no porto de Porstmouth e tras horas nas ringleiras para facer o test, Fernando lograba embarcar no transbordador, pero aínda ten moito camiño por diante. 

"Con destino a Francia, esperemos non ter máis problemas ali e poder circular cara a terriña. Facendo camiño polo menos o pesadelo de estar atrapados xa rematou", di Fernando Rivero, camioneiro de Porto do Son atrapado no Reino Unido.

Como Fernando, unha trintena de camioneiros españois chegaban nas últimas horas a Cantabria.

"Foi unha sorte que tivemos uns poucos comparado co que hai alí"; "Dirección España só saíu este buque"; "Pasar o Nadal coa familia a Galicia".

Eles poderan pasar o Nadal coas súas familias, pero nos portos do sur de Inglaterra e nos pasos fronteirizos seguen milleiros de compañeiros atrapados e desesperados. Esta é a mensaxe de auxilio que lanzaban esta mesma mañá.

Os ánimos están caldeados porque saben que tardarán días en volver á casa. A pesar do reforzo do Exército británico para facer os tests, hai colapso para facer as probas, imprescindibles para atravesar o canal da Mancha.

As asociacións de transportistas denuncian que ter os camións parados supón unha perda para o sector de dous millóns e medio de euros ao día.

Noticias web

24/12/2020