CRTVG

Buscar

Alfredo García: "O superávit orzamentario nos concellos foi posible porque fomos moi prudentes"

Publicado o 11/07/2018 11:16

O financiamento municipal e o superávit nos concellos centraron a entrevista que esta mañá lle ofreceu ao programa Bos Días da TVG o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García.

Segundo García, o superávit orzamentario nos concellos “foi posible porque fomos moi prudentes e gastamos menos do que ingresamos, é unha moi boa noticia para todos”. Sobre o destino para eses cartos, o presidente da Fegamp sinalou que “cada concello sabe a que ten que destinar os cartos, non pode haber unha norma xeral, os veciños de cada concello teñen que xestionar e ver o que precisan”.

Sobre as palabras da ministra de política territorial, Meritxell Batet, que afirmou que o Goberno central podería ceder competencias en igualdade e servizos sociais aos concellos, García sinalou que “non é un problema de competencias se non de recursos, nunca estivemos en contra de asumir competencias pero non ten sentido ter cada vez máis obrigas sen máis financiamento”. De feito, o presidente da Fegamp reclamou unha negociación paralela con goberno e comunidades autónomas para a financiación dos concellos. García engadiu que “o repartimento de cartos ten que ser en igualdade de condicións”.

Durante a entrevista, o alcalde de Valdeorras tamén se referiu a loita contra os lumes e afirmou que “ os concellos non temos os recursos materiais nin económicos para asumir a a limpeza dos montes, diga quen o diga, é imposible”. Tamén salientou que el xa avisara de que o 31 de maio as faixas estarían sen limpar, e que “os reponsables son os donos das leiras. Por último, informou que ten prevista unha reunión co ministro de Fomento para tratar o tema da A-76 e do tren de mercadorías, “prioridades non só para os concellos como Monforte ou Barco se non para toda Galicia”.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2018