CRTVG

Buscar

Alfonso Villares, alcalde de Cervo: "Se a costa de Lugo prescinde de Alcoa, isto converteríase nun deserto"

Publicado o 08/10/2019 10:33

• A ministra de Industria e o presidente da Xunta visitan hoxe a factoría cando se pon en cuestión a súa continuidade

Alfonso Villares, alcalde de Cervo, falou este martes no Bos días sobre a situación que está a vivir a factoría de Alcoa en San Cibrao.

"Estamos a pasar un ano con moita preocupación en toda a Mariña, porque a repercusión que poida ter unha empresa coma esta nunha comarca como a nosa non é comparable a zonas urbanas como A Coruña ou Avilés, sendo todo preocupante", afirmou.

"Estamos a falar do 30-32 por cento do PIB da provincia de Lugo, todo concentrado na Mariña, e que pensar que esta empresa non siga é unha preocupación enorme".

Segundo o alcalde, a cuestión definitiva é o prezo da enerxía: "Hai unha certeza, que é que esta empresa de aluminio, desde que se montou aquí hai máis de 40 anos, sempre precisou dunha tarifa eléctrica especial que a fixese competitiva. Cando levamos máis dun ano cun prezo que é máis do dobre que en Europa desde o Goberno central teñen que facer o que fixeron sempre".

É que ese prezo da enerxía supón ata o 40 por cento dos custos da produción do aluminio: "Pero iso sempre foi así. Existen mecanismos máis que suficientes para que eses custos para as electrointensivas estean no mesmo nivel doutras empresas do sector en Europa".

E coas cousas así, sen querer ser pesimistas, na comarca están preocupados: "Se a costa de Lugo prescinde desta empresa, estariamos falando dun deserto, e hai que tomar medidas para que non sexa así".

Este martes, a ministra de Industria, Reyes Maroto, e o presidente da Xunta van visitar o complexo de San Cibrao, e teñen previsto trasladar ás administracións as solucións para a empresa: "Hai un borrador co que traballou o Goberno, e das modificacións que se lle poidan facer a ese borrador dependerá de se hai futuro. Iso é o que precisamos saber hoxe. Esperemos que sexa sensible o Goberno central".

Alcoa reduciu recentemente un 11 por cento a súa produción e iso, aínda que que é achacable aos custos da enerxía, para a comarca é preocupante por se pode ser un síntoma de decisións máis drásticas.

"Baixaron a produción, e o que realmente sabemos é que foi para minimizar o custo enerxético, e é preocupante que tomen esas medidas. Pero é un paso máis cando se deu o da Coruña e Avilés, sexa polo que sexa", afirmou o alcalde.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí