Alfonso Rueda: "Seguro que no 2022 bateremos o récord dos cinco millóns de turistas"
Este mércores comeza Fitur e Galicia quere amosar alí o seu potencial e promover a comunidade como un destino seguro. Alfonso Rueda destacou que hai que adaptarse aos novos tempos de facer turismo despois da pandamia. Nunha entrevista realizada no programa Bos días, da Televisión de Galicia, o conselleiro de Turismo afirmou que Galicia traballa para estar ben posicionada como destino seguro.
Rueda destacou que Galicia, ademais de seguridade, ofrece o seguro coronavirus, que entrará en vigor a partir do 1 de xuño. Dixo que a comunidade galega foi a primeira en ofrecer esta medida e que é un engadido moi importante que vai funcionar para atraer o turismo.
O conselleiro de Turismo destacou que hai optimismo en canto as reservas hoteleiras neste Xacobeo 2021-2022, algo que xa se reflectiu nesta ponte das Letras Galegas. Rueda manifestou que este ano será o turismo nacional o que visite Galicia, algo que irá recuperándose pouco a pouco. Cre que será no 2022 cando se superen os cinco millóns de visitantes, unha cifra rexistrada no 2019.
Rueda instiu en que hai que acelerar o sistema do pasaporte covid que permita aos turistas internacionais vacinados desprazarse ata Galicia. Destacou que a comunidade depende do que se faga dende o Goberno central. O vicepresidente cre que "hai que ser realista e optimistas" en canto ao anuncio de Pedro Sánchez sobre a vacinación a novos grupos de idade e que Galicia está preparada para administrar moitas máis doses das que chegan.