CRTVG

Buscar

Alfonso Rueda: "O PSdeG non foi prudente co escano de Pontevedra antes de recontar o voto emigrante"

Publicado o 21/07/2020 12:06

Tras o escrutinio do voto dos emigrantes, o PPdeG confirma o escano número 11 por Pontevedra e o 42 no Parlamento de Galicia.

Alfonso Rueda, presidente provincial do PPdeG, fala no Bos Días deste escano disputado ata o último momento que lle da a maioría absoluta máis ampla ao partido liderado por Alberto Núñez Feijóo. "Este escano xa se sabía que dependía do voto emigrante", di Alfonso Rueda, "o PSdeG decidiu recorrer e ao final ese escano 11 que supón o 42 de Feijoo vai quedar adxudiado ao PP. Había unha diferencia de 45 votos co PSOE, e o PP tiña que sacar case o dobre de votos do PP da emigración. O último escano por 50-100 votos de diferenza".

Engade Alfonso Rueda que "agora cando parece imposible que haxa maiorías absolutas, Fejóo despois de tres lexislaturas con maioría absoluta logra unha cuarta cun resultado histórico. Isto é dobremente meritorio e dobremente simbólico".

"O PSdeG aferrábase a ese escano de Pontevedra sen ter en conta o voto emigrante. Non tivo a prudencia que tivemos nós e non esperou a ver que pasaba co escrutinio e dérono practimente por seguro. Agora, ao veren que repetiron os resultados de hai catro anos, supoño que esa sensación de derrota se verá acrecentada", di Alfonso Rueda.

Sobre a campaña electoral, Rueda, cabeza de lista por Pontevedra do PPdeG, di que "Foi unha campaña rara, sen grandes actos de mobilización. Todo se desenvolveu con normalidade o día da votación. Todo estaba preparado para votar con seguridade. A inmensa maioría da xente colaborou e ao final todo saiu ben".

Remata Alfonso Rueda dicindo que "parece que vén un período longo sen eleccións, pero dende o partido hai que seguir traballando e en contacto coa xente".

Noticias web

21/07/2020