CRTVG

Buscar

Alfonso Rueda: "O que máis lle convén a Galicia é que Sánchez non sexa presidente"

Publicado o 20/09/2019 10:22

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo este venres no estudio do Bos días que "o que máis lle convén a Galicia é que Sánchez non sexa presidente, e para iso fai falta a unión do voto de todo o mundo, e co que estariamos cómodos é cun goberno de Pablo Casado". Sen aclarar se esa comodidade pasa por un pacto que inclúa a VOX: "Eu non sei cales serían as maiorías para que non haxa un goberno do PSOE, xa veremos cales serían as alernativas, pero espero que todas pasen por ter un presidene do Partido Popular".

Respecto ás últimas declaracións de Pedro Sánchez sobre a presenza de Podemos no Consello de Ministros, Alfonso Rueda dixo que "gustaríame saber que pensan todos os presidentes socialistas que gobernan con Podemos, se tampouco dormen. Isto é un teatro, o señor Sánchez está todo o tempo facendo cálculos electorais. El quere quedar na Moncloa tirando do que sexa, e se ten que ser con Podemos ofreceralle o que sexa".

O vicepresidente da Xunta negou que haxa disensións dentro do Partido Popular arredor do liderado de Pablo Casado: "Estas supostas disensións dentro do PP sempre as conta a oposición para tapar as súas. Vense moi claro en Galicia. O PP non as ten, nin en Galicia nin no estado. É lóxico que haxa diferentes posicións, pero disensións ningunha. Xa llo dixemos a Pablo Casado que o PPdG vai traballar en serio para volver a ser parte importante do triunfo de Casado". 

En clave autonónica, destacou a importancia do próximo debate sobre o estado da autonomía: "Sempre toca nestas datas", afirmou. "Debemos ser a única comunidade onde a oposición, en lugar de celebrar que o haxa, parece que están moi enfadados pola convocatoria, pillados un pouco como estudantes que non saben a lección. Debemos falar de Galicia. O contexto electoral é o que hai, pero discurso propio de aquí. Se había razóns para sacalo do estatal que vai haber a continuación. Creo que é unha polémica estéril e non ten sentido que a oposición se enfade cando debería estar celebrando que haxa debate".

Nese debate estará moi presente a cuestión da débeda do Estado con Galicia: "A situación é na que nos pon o Goberno de España con eses 700 millóns que xa recoñece que se poden pagar pero non quere e a uns quere pagar, se son comunidades socialistas, e a outros non. Ponnos nunha situación moi complicada pero nós, se algo caracterizou ao Goberno galego é que somos un goberno con estabilidade, que todos os anos aprobou os presupostos e cumpriu co déficit e este ano pretendemos facer no mesmo".

"Non nos valen -afirmou Alfonso Rueda-, as solucións que nos propoñen desde Madrid: que gastemos e non paguemos aos provedores, que vaiamos á debeda pública e que aumentemos o déficit. Esas son as políticas do PSOE que nos levaron á situación moi complicadas. É certo que o goberno Sánchez nos pon nunha situación moi complicada esperemos que entre en razón que acaben as chantaxes. Nós o que imos facer é seguir reclamando. Non imos renunciar ao que é noso. Eses 700 millóns téñenos aí e non ten máis que transferilos. Non imos renunciar. É a solución fácil para eles pero non para Galicia. Se aínda así persiste en non entregalos, veremos que vías hai, habería que achacalo ao Estado e que se faga cargo del. O que non imos facer é recortes". 

Nas circunstancias o debate sobre o sistema de finaciamento autonómico volve estar sobre a mesa: "Hai que falar diso, por iso pedimos ao Consello de Política Fiscal e Financeira, tamén antes, discutir as reivindicacións das comunidades como a galega, onde prestar servizos públicos é moito máis caro. Hai que recoñecelo e ten que ter un plus de financiamento. Hai que discutilo. Por iso non se entende que non queiran nin falar diso", dixo o vicepresidente da Xunta. 

Incluso tamén tratando a cuestión do mapa competencial autonómico, como esta mesma semana propuxo no Bos días o presidente do PNV: "Porque non reformular iso, pero sen vocación centralista, -asegurou Rueda-. Porque quedou demostrado que moitas competencias exercidas desde as comunidades autónomas préstanse mellor e non son máis caras. Cremos que Galicia mellorou moito coa descentralización. Reformular isto en conxunto, por que non?, pero sen centralismos".

Alfonso Rueda tamén analizou a cuestión da violencia machista, na semana en que asistimos ao triplo asasinato en Valga, e negou que non se estean poñendo medios para loitar contra ela: "O problema da violencia machista non é só cuestión de recursos. É certo que serven para avanzar. O pacto de Estado supuxo inxección de cartos importantes, pero é moito máis. Non é só económico, por iso incidimos tanto na concienciación da sociedade, a educación desde os máis cativos, que a igualdade é algo real no que hai crer... aí está o camiño. Temos moito avanzado, pero aínda nos queda un camiño grande por percorrer. Pero isto non é unha cuestión económica. É unha cuestión social en que todos temos que vernos implicados. Mellorouse nas condutas. Agora hai cousas que non se admiten de ningunha maneira. Niso avanzamos e temos que avanzar moito máis".

Antes de concluír Alfonso Rueda dixo que non se contemplaba un adianto nas eleccións á Xunta: "Se por algo nos caracterizamos en Galicia é pola estabilidade. A xente confía en que un Goberno cando anuncia cousas as pode facer, e para iso hai que cumprir prazos. A non me estraña cando a xente cando fai a comparación co que pasa en Galicia e co que pasa no resto en España pense que estamos bastante mellor". 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí