Alfonso Rueda, canto ao Xacobeo: "Temos que estar moi satisfeitos"
Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, asegurou, en relación con este primeiro balance do Xacobeo: "Todas as cifras apuntan a que temos que estar moi satisfeitos".
Nunha entrevista no Bos Días, Rueda afirmou: "Tiñamos expectativas altas pensando en todo ese sacrificio que se fixo no inverno e na primavera, con peches e con restricións. Se as cousas melloraban, no verán iamos ter moitas satisfaccións, pero a verdade é que estamos superando as expectativas e temos que estar moi satisfeitos".
Tamén adiantou un pouco do novo protocolo da hostalería, que desenvolverá o presidente da Xunta este mediodía en maior profundidade: "Tivemos moitísimas reunións, algunhas delas moi duras, pero onte tivemos, despois de moitas conversas, unha reunión definitiva que vai supoñer un paso fundamental, que era o que eles nos pedían e ademais era lóxico: non estar dependendo da situación sanitaria que había en cada concello".
O protocolo desenvolverase: "Agora que temos estabilidade e que as cifras, con sentidiño e responsabilidade, nos permiten moito optimismo, eles mesmos van marcar o nivel de seguridade que lles queren dar aos seus establecementos e, en función diso, aumentarán as ocupacións e as posibilidades".
En canto ao ocio nocturno, Rueda lamenta que o TSXG tumbase a decisión de esixir o certificado COVID para acceder aos locais: "Os hostaleiros, non só os do ocio nocturno, en xeral, estaban satisfeitos con esta medida porque dicían que achegaba seguridade, que non supoñía unha gran molestia para a xente que accedía aos locais e, dende logo, no ocio nocturno era a gran solución".
Asegurou que, na reunión de onte, os responsables destes establecementos desexaban que se poida recuperar o certificado de vacinación porque lles facilitaría moito o labor e tamén, desde o punto de vista sanitario, permitiría que o ocio nocturno funcionase con moita máis normalidade.
En canto ao Xacobeo, Rueda espera un maior compromiso do Goberno central co Xacobeo: "Despois de grandes palabras sobre o importante que é o Xacobeo resulta que, en dous anos para toda España, o Goberno central quere darlle ao Xacobeo o mesmo que imos gastar na Xunta de Galicia só en Galicia nun ano. Polo tanto, eu pediríalle que fose máis ambicioso".
En relación coa visita do papa Francisco, o vicepresidente da Xunta espera que poida levarse a cabo, xa que sería "o colofón perfecto a golpe de mes de agosto para ter un Ano Xacobeo fantástico, o mellor da historia sen dúbida".
Tamén houbo tempo para falar das peaxes e o AVE. Rueda agarda que se cumpra o compromiso de traer a alta velocidade a Galicia antes de que remate o ano: "Séguennos dicindo que, antes de que remate o ano, será posible viaxar en AVE de Madrid ata Galicia. Cada vez parécenos máis difícil cumprir ese compromiso, pero oxalá que sexa verdade".
Co comezo do curso político, tamén se abordaron cuestións como o futuro de Ence. Alfonso Rueda non concorda coa forma de tratar o tema do concello pontevedrés: "O que non poden vir agora nin o Concello de Pontevedra, que é co seu recurso o que provoca a marcha de Ence, nin o Goberno central, que se aplanou á avogacía do Estado e dixo que lle parecía ben o recurso que poñía o Concello de Pontevedra, e polo tanto parecíalle ben que Ence se fora, agora nos digan que eles non teñen unha solución e que a busquen outros".
Outro dos temas tratados foi a suba da luz e a hipotética posibilidade dunha tarifa eléctrica galega. Rueda afirmou: "Todos estamos de acordo con que hai que facer unha transición enerxética, pero, se se fai sen pensar as consecuencias, sen medir e sen planificar, a consecuencia é que non temos un marco enerxético estable e a luz segue disparada e nas administracións non se pode facer nada ou polo menos a administración que podería facelo non o está facendo".
No tocante ás ampliacións das prazas MIR en Galicia, o vicepresidente da Xunta agarda que se podan facer efectivas e que son un "clamor" de todas as comunidades ao Goberno central.