CRTVG

Buscar

Alfonso Reyes: "Toca gozar da Copa, a nosa xoia da coroa"

Publicado o 13/02/2018 16:39
Alfonso Reyes: "Toca gozar da Copa, a nosa xoia da coroa"

 

Alfonso Reyes, presidente da Asociación de Baloncestistas Profesionais (ABP), agradeceu "a honestidade e xenerosidade" dos xogadores para chegaren a un acordo polo que se desconvocou a folga da Copa do Rei e declarou que agora toca "gozar" do torneo, que é a "xoia da coroa".

Representantes da Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB) e da ABP reuníronse este martes na sede do Consello Superior de Deportes, coa participación do secretario de Estado, José Ramón Lete, e asinaron un acordo polo que se desconvoca a folga para a Copa do Rei e cuxo punto máis discrepante era o relativo ao Fondo Social.

"Saímos cunha nova relación entre xogadores e clubs. É un punto de partida moi importante para afrontar retos que temos que liquidar", dixo emocionado Alfonso Reyes. O presidente do sindicato quixo "reiterar o agradecemento á afección, que soportou e tivo consideración por estes momentos de negociación que puideron ser moi duros". Reyes subliñou "a honestidade e xenerosidade que tiveron moitos xogadores que non se xogan nada, que xa o teñen todo e que podían sacrificar a Copa do Rei".

"Fixérono porque sabían que podían mellorar o baloncesto para os xogadores actuais e os que virán no futuro. Aos xogadores nunca se lles debe perder o respecto porque son os creadores do deporte", dixo. "Foi un momento de reivindicación importante. Hai unha serie de melloras que son boas para sentar as bases ou cimentar o deporte e sen as cales fose moi difícil chegar a un acordo. Temos que estar moi contentos", concluíu.

Tras este acordo, polo que se desconvocou a folga de xogadores, a Copa do Rei de baloncesto celebrarase como estaba previsto nas Palmas de Gran Canaria entre o 15 e 18 de febreiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí