CRTVG

Buscar

Os alfajores galegos 'Orense' triunfan na Arxentina

Publicado o 30/10/2018 11:36

Sen dúbida, os alfajores marcaron a infancia de todos os arxentinos e dende hai uns anos tamén teñen moito que ver con Galicia porque un mozo quíxolles render tributo ás súas orixes e púxolle ao seu negocio de alfajores o nome castelán dunha das nosas provincias: Orense. Por iso, hoxe é posible ver Alfajores Orense ao longo de todo o país austral.

Na Arxentina consómense 70 alfajores por segundo. Un sector en que entrou con forza Alejandro no 2015 cunha proposta de produtos artesanais.

Alejandro Estévez, propietario de Alfajores Orense: "Eu arranquei en repartimento do que é produción de panadería e así fun avanzando, pero sempre me interesou a parte dos alfajores".

Púxolles Orense en honor ao seu avó, natural de Quintela de Leirado, e asegura que o nome en si mesmo é un reclamo para os clientes.

Alejandro Estévez, propietario de Alfajores Orense: "A maioría recoñéceo e enseguida vén a anécdota de "vén pola provincia de España" e meu avó, e empezan a recordar os antepasados de cada un".

En pouco tempo logrou posicionarse no país e triplicar ano a ano a produción.
Por iso, xa pensa en exportar.

Alejandro Estévez, propietario de Alfajores Orense: "Estamos iniciando todos os trámites para empezar a exportar aos EUA. Xa estiven alí hai uns meses vendo o campo". 

Un doce típico da Arxentina que levará a marca Orense polo mundo.

Noticias web

30/10/2018