CRTVG

Buscar

Alexandra Fernández asegura que as presións de Podemos fixeron que os deputados de En Marea votasen ás directrices do partido

Publicado o 15/02/2019 14:39

No Bos días, Fran López Iglesias entrevista a Alexandra Fernández, deputada de En Marea.

Alexandra Fernández foi a única deputada de En Marea que apoiou as emendas contra dos orzamentos de Pedro Sanchez

"É evidente que vai abrir unha profunda reflexión sobre a capacidade de chegar a acordos e creo que o que se necesita agora non é marcar xa unha posición, senón un debate máis sosegado para analizar con máis detemento o panorama político, de aquí aos próximos anos vista".

"Tíñao claro porque estes eran uns orzamentos lesivos para Galicia. Supuñan un recorte do 20 por cento do orzamento para o noso país e polo tanto supuña empeorar as condicións de vida dos galegos e galegas e dende En Marea sempre iamos apoiar orzamentos que ían en contra do noso país.(...) O que creo que ten que explicar aquí é quen cambiou esa posición e en lugar de votar 'non' cambiou unha posición para 'si'. A propia voceira, Yolanda Díaz, na súa intervención na tribuna defendía: "Así non Pedro Sánchez, estes orzamentos son inaceptables para Galicia", e incomprensiblemente unha horas despois acababa votando 'si'".

"Houbo unha serie de conversas entre En Marea e o Goberno, o día anterior ás votacións reunímonos o grupo de deputados e os compañeiros certificaron que nesas negociacións non se conseguiu chegar a acordos nin coa primeira das emendas coa ministra. Non había nin o primeiro compromiso concreto coas modificacións das contas".

"Eu invito todos os espectadores a que escoiten as palabras da ministra, son clarísimas, contundentes, non había ningún tipo de vontade por parte do Goberno de mellorar as contas para Galicia".

"O que pasou é evidente que son presións por parte da dirección de Podemos en Madrid para facer que os seus deputados galegos en lugar de votar en base á disciplina de autonomía de voto de En Marea votasen ás directrices do partido. Esa posición supuxo unha irresponsabilidade por provocar a propia ruptura do voto de En Marea e provocar unha situación humillante para os deputados galegos, que foi votar a favor dunhas contas que son contrarias aos intereses dos galegos e das galegas".

Presións de Podemos dentro do grupo parlamentario

"Houbo unha tensión evidente, que se tentou corrixir, e que foi empeorando a dinámica. Iso creo que todo o mundo o ve. É algo que esixe agora pararnos e facer una profunda reflexión sobre esta situación".

Opinión sobre o chío de Beiras, quen dixo que "votar en contra dos orzamentos era confundir o cu coas témporas"

"Non podo comprender a posición de Xosé Manuel Beiras e máis polo respecto que lle teño, pola súa traxectoria, que pretenda lexitimar este voto a favor dos orzamentos de Sánchez como un voto xustificable polos galegos. Fai como un chamado como que isto era un voto para parar á dereita, pero aquí hai que explicar que o contexto en que estaba este voto, que é que as negociación entre o Goberno e as forzas catalás, foi o que determinou a incapacidade da lexislatura.

"Sánchez tiña que decidir se estaba disposto a abrir un diálogo con todas as forzas progresista que lle deron apoio na moción de censura ou si se puña nunha política de chantaxe (...) tiña que sentar cos catalán, pero tamén cos galegos, con En Marea, se quería recibir o noso apoio".

"O Goberno de Sánchez foi moi irresponsable escoitando ese discurso da extrema dereita de que non debía consolidar ese bloque progresista".

Coalición para as xerais ou grupo propio

"Grupo propio xa quixemos ter sempre e foi decisión da cámara non permitirnos ter grupo propio. Entón asinamos dentro do grupo confederal un acordo en que manifestamos que iamos actuar como se tivésemos un grupo parlamentario, é dicir, con capacidade de presentar unha axenda política galega, tendo autonomía política. Iso estaba no acordo, o problema é que houbo un incumprimento por unha das partes. O que hai que facer é unha reflexión e sentar na mesa para ver se esta xente está disposta a cumprir os acordos políticos ou a única lóxica que entende é a de submisión a Madrid. Entón é necesaria unha profunda reflexión de se nos vale esta fórmula ou non".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/02/2019