CRTVG

Buscar

Alertan dun aumento de intoxicacións domésticas por un mal uso dos desinfectantes

Publicado o 16/04/2020 19:23

Desde que comezou a pandemia, o Instituto Nacional de Toxicoloxía recibiu preto de dúas mil consultas por intoxicacións derivadas dun uso incorrecto dos produtos de limpeza. O abuso da lixivia ou mesturala con amoníaco son os erros máis frecuentes, e perigosos.

A lixivia converteuse no grande aliado doméstico contra o coronavirus. É un desinfectante de uso común, pero o seu abuso xa está traendo consecuencias.

José Uribe, Especialista en Medicina Preventiva: "O máis normal son os problemas respiratorios. Estamos falando de doentes con problemas respiratorios ou derivados da COVID-19, é expoñelos a unha maior toxicidade a nivel respiratorio".

Entre marzo e abril, o Instituto Nacional de Toxicoloxía recibiu máis de 1.800 consultas telefónicas por intoxicacións derivadas dun mal uso dos desinfectantes. A maioría, por misturar produtos incompatibles, como a lixivia e o amoníaco, que provocan unha reacción química tóxica.

José Uribe, Especialista en Medicina Preventiva: "Poderían ter problemas de toxicidade polos gases que se producen, porque se producen reaccións químicas que ata poden resultar violentas, dependendo o que se utilice. O mellor é usar o que xa vén preparado, como o indica o fabricante".

As doses recomendadas veñen indicadas no etiquetado dos produtos. O amoníaco non é desinfectante, senón desengraxante, e a lixivia debe administrarse rebaixada en auga.

Ana García, traballa nunha empresa de limpeza: "O ideal sería, nun litro de auga 20 mililitros de lixivia. E todos os desinfectantes que se poidan usar na casa, sempre con auga fría, non quente".

Tamén son desinfectantes o vinagre e o alcol de 70, recomendables, por exemplo, para a desinfección de móbiles ou chaves.

Noticias web

16/04/2020