CRTVG

Buscar

Alertan do perigo de derruba de dous edificios en ruinas en Ferrol, que son tamén niños de ratas

Publicado o 18/06/2019 14:17

Preocupación, impotencia e carraxe mestúranse entre a veciñanza da rúa Coruña, en Ferrol, polo estado de abandono de dous edificios propiedade do Concello. Din que levan 40 anos deshabitados e que o seu estado ruinoso supón un perigo para os viandantes e un problema de salubridade pola cantidade  de ratas que habitan nos dous soares.

Os veciños din que a situación se agrava porque en fronte dos inmobles abandonados hai un colexio ao que asisten máis de 500 alumnos.

Os edificios que xeran controversia son os números 32 e 34 da rúa Coruña. Ambos levan deshabitados uns 40 anos e ante a falta de conservación, a maleza e as ratas foron tomando posesión das ruínas. Os 2 son propiedade do Concello: un forma parte do legado Carvajal e os herdeiros do outro reuniciaron á súa propiedade. Os propietarios lindantes xa recorreron á xustiza para denunciar as humidades e filtracións. O Concello foi condenado a indemnizalos e poñerlle remedio, pero polo momento todo segue igual.

Unha veciña conta que tamén foi ao Concello en varias ocasións e dixo o que pasaba: "Aí hai unhas ratas que pola noite pasean e é un problema. Díxome que ao principio non daban cos donos que tiveron que seguir unha serie de trámites. Paréceme moi ben que se sigan, pero mentres non se atopaban evitar unha desgraza".

O seu home di que parte dos problemas son as humidades que lle crean ao edificio lindeiro.
Outro veciño cre que é impropio dunha rua do centro de Ferrol: "Non sei de quen é nin en que situación está, pero é un abandono total".

Outro residente da zona di: "O único que veñen é a cortar as follas, e non entran no fondo do problema que son as ratas, que a miña muller tenlles un medo tremendo. Son unhas ratas que parecen coellos".

Os veciños urxen unha solución e tamén os responsables do colexio Cristo Rei, situado en fronte. Alertan do perigo que supón para a seguridade dos viandantes, entre eles os máis de 500 alumnos do cento.

Helena Grandal, directora pedagóxica do Colexio Cristo Rei, explica: "Isto é algo que levamos denunciando hai tempo porque aquí habitualmente sae moita xente en horas puntuais, pais que esperan os nenos cando saen, e todos estes edificios xa en condicións ruinosas, cheos de maleza, niños de ratas, supoñen un perigo non só para a xente, senón tamen por hixiene e por moitas máis cousas".

Outra veciña conta que o outro día caeu unha lousa e colleuna unha señora e dixo: "Ai se cae de pico!, polos nenos do Cristo Rei!....que esperan aí e as nais . Ata que pase algo, cando pase algo toman medidas".

Os cidadáns entenden que os trámites burocráticos levan o seu tempo, pero empezan a desesperarse porque a demora suma anos. Agardan que a nova corporación tome cartas no asunto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019