CRTVG

Buscar

Alertan do abandono de cans de caza en Montealegre, na cidade de Ourense

Publicado o 17/09/2021 14:02

O abandono de cans de caza en Montealegre, nas inmediacións da cidade de Ourense, preocupa os veciños e usuarios da zona. Hai dous animais que se acomodaron nas instalacións dun club de golf.

"Todas as mañás están aí, unha cadeliña e un can moi vello que pasa o día deitado", comenta un socio do club.

Os traballadores do club de golf son os que os atenden, desde que hai xa algúns anos apareceron polas instalacións. Tamén os socios do club, que xa os consideran da familia.

"Temos un socio que é inglés. Xa lle coñecen o coche e veñen esperar que lles dea de comer. Están ben alimentados e cazan ben, que xa os temos visto collendo coellos", di outro socio.

A caza era, segundo sospeitan, a súa anterior actividade. Cóntannos que non é a primeira vez que un can de caza abandonado se coa nas instalacións. A un tiveron que rescatalo deste lago, no que agora xa instalaron unha rampa para que poidan saír polos seus propios medios: "Hai uns anos quitei un que non daba saído porque está todo impermeabilizado".

Neste monte hai unha zona de adestramento de cans. Sospeitan que son os propios donos os que os abandonan cando non lles resultan útiles.

"Os cazadores fan adestramentos por aquí, polos arredores. Debe estar permitido polo SEPRONA. E a estes deberon abandonalos, como a outros". "Algúns escápanlles e outros son perdidos de xeito voluntario", explican dous socios do club de golf.

De momento, os dous xa teñen un fogar, aínda que sexa transitorio, á espera de que se faga cargo a canceira municipal.

Noticias web

17/09/2021