CRTVG

Buscar

Alertan de que os rotuladores detectores de billetes falsos non son infalibles

Publicado o 10/03/2020 14:42

Ante a abundancia de casos de billetes simulados ou falsos hai comerciantes que empregan rotuladores como este para detectar a fraude. Pero a policía avisa: os falsificadores van perfeccionando os seus métodos e o uso do rotulador non é infalible e pode validar billetes falsos.

"Está adaptado para detectar restos de amidón que o papel moeda non ten. O rotulador leva iodo e hai xa billetes falsificados que están moi perfeccionados e non reaccionan á tinta dos rotuladores".

Outros aparellos que dispoñen de luz ultravioleta son algo máis caros que os rotuladores e tamén máis eficaces. A policía recomenda seguir as directrices do Banco de España e empregar o método da tripla comprobación: toque, mire e xire.

"O aspecto do billete ten que ser rugoso, áspero, e ten un son acartonado moi característico. Incorpora unha banda rugosa nos laterais que se nota perfectamente ao pasar a xema do dedo ou a uña".

"No mire fixámonos simplemente a contraluz como aparece unha marca de auga coa deusa Europa, o valor do billete e a porta. E no xire, sobre todo, o característico é que a tinta, neste caso do dez, verdosa, se o xiramos, unha banda azul escuro percorre o número 10 de arriba a abaixo. E na banda holográfica do lado dereito tamén aparecen a cara da deusa Europa, a porta e o valor do billete".

Falsifícanse billetes e moedas. Os máis, os billetes de 5, 10, 20 ou 50 euros. E se chega ás súas mans un billete falsificado contacte coa policía pero non intente utilizalo, porque pagar con cartos falsos, sexa cal sexa a cantidade, é un delito.

Noticias web

10/03/2020