CRTVG

Buscar

Alertan de que en 2040 o párkinson será a enfermidade grave máis común

Publicado o 11/04/2019 18:57

Arredor de 13.000 persoas padecen párkinson en Galicia, e sete millóns en todo o mundo. Hoxe, día mundial desta doenza, a Federación Española de Párkinson alerta de que en 2040 será a enfermidade grave máis común.

A incidencia do párkinson aumenta coa idade, e a poboación mundial está envellecendo. Os expertos temen que nos próximos vinte anos o número de afectados pase dos sete millóns actuais a doce. É a doenza que máis medra, e unha das máis incapacitantes.

Miguel Andrade, profesor e doente de párkinson: "Á hora de escribir empecei a notar serias dificultades, e todo o que tiña que ver coa mobilidade fina da man dereita. Cando fun ao neurólogo díxome que tiña párkinson". "Ademais do farmacolóxico, teño tratamento terapéutico e logopédico. De momento non tiven que acudir ao psicolóxico, pero é probable que teña que recorrer a el tamén".

A depresión pode ser un sinal previo, e malia que o tremor é o síntoma máis recoñecible, non é o primeiro nin se produce sempre.

Vinyet Miret, Asociación de Párkinson de Galicia: "Quizais o tremor o experimentan só o 50% dos doentes. Hai outros aspectos tan invalidantes como a rixidez, a ansiedade, a depresión, a ludomanía, tamén. Todas estas cousas ás veces son previas ao diagnóstico da enfermidade".

En España están diagnosticadas de párkinson 160.000 persoas. Malia que afecta sobre todo maiores de sesenta anos, dous de cada dez doentes teñen menos de cincuenta.

Noticias web

11/04/2019