CRTVG

Buscar

Alertan de alimentos envelenados ou con alfinetes no barrio coruñés da Sagrada Familia

Publicado o 24/06/2019 13:35

Hai preocupación no barrio coruñés da Sagrada Familia pola aparición de alimentos envelenados ou cheos de alfinetes en espazos públicos. O can dun veciño precisou asistencia veterinaria por morder un destes cebos.

Os veciños do barrio coruñés da Sagrada Familia que teñen mascotas están moi preocupados. Hai un par de semanas que un can quedou ferido nesta praza ao morder un anaco de carne que tiña alfinetes.

"O can come con forza e chantou todos os alfinetes na lingua. Se os traga, morre". "Non é a primeira vez que pasa isto. O dos cravos nunca, pero veleno si. Hai moitas sospeitas pero non se pode culpar a ninguén se non o ves", aseguran algúns veciños.

Os veciños procuran non deixar soltos os cans e non lles quitan o ollo de enriba: "O meu nunca vai por aí, por sorte, pero estou sempre vixiando. Creo que o ano pasado morreu un can envelenado".

Piden máis vixilancia. Unha asociación animalista presentou cadansúa denuncia ante o Concello e a Consellería de Medio Ambiente para que se investiguen estes feitos.

Noticias web

24/06/2019