CRTVG

Buscar

Alertan da suba da criminalidade en Barcelona

Publicado o 22/08/2019 14:36

A embaixada estadounidense fixo pública na súa web unha alerta en que avisa a cidadanía do país a que extreme a precaución ante unha suba dos delitos na cidade condal. A nota, publicada onte, destaca o aumento de roubos violentos. Esta percepción de inseguridade en Barcelona tamén se ve reflectida nos medios europeos. Tanto os alemáns Der Spiegel e Frankfurter Allgemeine, como a británica BBC, destacan a suba da criminalidade na capital catalá. É o propio Der Spiegel quen cualifica Barcelona como "cidade do crime".

Pola súa banda, a Generalitat de Cataluña destaca o traballo conxunto da Administración autonómica e o Concello de Barcelona e nega unha crise de seguridade. O seu conselleiro do Interior, Miquel Buch, esixiu hoxe ao Goberno central un endurecemento do Código penal.

No que vai de ano, Barcelona acumula doce homicidios dos cales nove se cometeron en apenas mes e medio. O pasado domingo á noite o embaixador afgán en España sufriu o roubo do seu reloxo despois de ser tirado ao chan na céntrica vía Laietana. Dende as asociacións de comerciantes de Barcelona cualifican a situación como "fóra de control". O Concello de Barcelona sostén que subiu este ano un 11% o presuposto dedicado á loita contra o crime e que a cidade é segura en comparación con outras como París ou Berlín.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/08/2019