CRTVG

Buscar

Alertan da síndrome da cara baleira coa retirada da máscara

Publicado o 23/06/2021 20:48

Primeiro tivemos que acostumarnos a ela, a levala posta, e agora, pouco a pouco, e sempre seguindo as indicacións sanitarias, teremos que afacernos a ila retirando. É o que en determinados foros se denomina a síndrome da cara baleira, que non está descrita en ningún manual de psicoloxía, pero sobre a que xa advirten os expertos: ese estrés que lle xera a algunha xente a retirada da máscara ben sexa por cuestións de saúde ou estéticas.

"Non a vou quitar. Só en espazos abertos onde non haxa xente". "Ganas si, pero de momento non", comenta un matrimonio en Ourense.

É unha actitude moi estendida segundo puidemos comprobar nos últimos días. Na maioría dos casos, por precaución...

"Se todos foramos prudentes, estaría ben quitala, pero non o sei. Non o teño moi claro", di outra muller.

Pero nalgúns casos, a retirada da máscara conleva estrés, ansiedade e mesmo illamento social. Neses casos, os especialistas recomendan unha retirada gradual.

Isabel Torres, psicóloga: "Aproveitar as mellores ocasións para facelo dun xeito fácil, sen forzar, para ir superando os medos, as inseguridades, e comprobando como a situación mellorou".

A denominada síndrome da cara baleira tamén ten un compoñente estético.

"Creo que vai ser un pouco raro, ver outra vez as caras...". "Vai ser un cambio, pero é habituarse", comentan dúas mozas.

A autoestima pódese resentir tras un ano ocultando parte do rostro.

"Ves uns ollos e podes imaxinar a cara dunha persoa e ser todo o contrario". "A non ser que coñezas a alguén só coa máscara, pero eu creo que non vai afectar para nada", din varias persoas.

A cambio, recuperaremos comunicación.

 "Sorrir, e que te vexan sorrir", conclúe unha moza.

Noticias web

23/06/2021