A alerta por vento no mar nas Rías Baixas impide faenar a frota e suspende actividades
Tralo paso de 'Elsa', que deixou 650 incidencias na provincia de Pontevedra, hoxe peta na porta 'Fabien', unha nova borrasca que cede protagonismo ao vento. Os refachos poderían acadar os 140km/h nesta xornada en lugares como o Cabo Udra, en Bueu. No mar é especialmente notable, xa que zoa do sudoeste con forza 8 a 9 nas Rías Baixas.
Para esta tarde, quedaron suspendidas todas as actividades deportivas ao aire libre e moitos eventos festivos propios destas datas, como a Papanoelada moteira que ía percorrer as rúas do centro de Vigo. O vento está marcando refachos de 118 km/h en Fornelos de Montes, 113 en Oia e 89 en Cabo Udra.
Deste tren de borrascas que non nos deixa poñer lavadoras a peor parte lévana os mariñeiros, que encadean moitas semanas co traballo baixo mínimos. A frota amarrada parece unha foto fixa en peiraos como o de Bueu.
O legado de 'Elsa' aínda se deixou sentir esta madrugada, cando cedeu parte dun muro dunha finca particular sobre o Eirado de Cela, afortunadamente, sen causar feridos. Co paso das horas, agárdase que a situación vaia empeorando.