CRTVG

Buscar

Alerta sanitaria por toxina botulínica no atún en aceite da marca Día

Publicado o 30/08/2019 19:00
Alerta sanitaria por toxina botulínica no atún en aceite da marca Día

Alerta sanitaria en Día. A empresa retira do mercado case 3.500 latas grandes de atún en aceite de xirasol da súa marca. Nunha destas latas detectouse toxina botulínica e con ela intoxicáronse catro persoas que xa recibiron a alta. O produto distribuíuse en Asturias, Castela e León, Cataluña, Aragón, A Rioxa, Murcia, Navarra, Castela-A Mancha e Valencia.

Día pediulles aos clientes que teñan estas latas que as devolvan. Frinsa, a empresa fabricante, con base en Ribeira, asegura que a única traza de toxina estaba nunha lata aberta e mesturada con outros produtos. Di que os técnicos de Sanidade que visitaron a fábrica non detectaron ningún problema. E que o resto do lote analizado está en boas condicións.

 

A Xunta inspeccionou Frinsa despois da alerta e non detectou "ningunha anomalía" no tratamento para as conservas

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade realizou, despois de recibir a alerta, unha inspección en Frinsa do Noroeste, a empresa provedora das latas de atún polas que se decretou un brote de intoxicación alimentaria por toxina botulínica, e non detectou "ningunha anomalía" no tratamento para as conservas, despois de verificar os controis de produción e os procesos de esterilización.  

Diso informa nun comunicado de prensa a consellería, que indica que despois da notificación por parte da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, comezou "con carácter inmediato" a solicitar información "complementaria", do mesmo xeito que o resto de comunidades requiridas.  

Asegura que identificou "que todo o produto implicado foi servido" a Día, empresa distribuidora, "non existindo máis existencias fóra dese distribuidor". E engade que "paralelamente" mantivo "contacto permanente" coa comunidade autónoma de Castela e León para "avaliar a trazabilidade dos restantes produtos empregados no menú que supostamente causou esta intoxicación puntual".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí