CRTVG

Buscar

Alerta por temporal no mar e fortes ventos nas Baleares e no nordeste peninsular

Publicado o 14/11/2017 15:00

Unha ferida grave polo temporal de mar e vento que azouta as Illas Baleares e varias provincias do nordés peninsular. Caeulle enriba un valo derribado polos fortes refachos. Arestora a illa de Menorca segue incomunicada por vía marítima.

 

As illas Baleares viven estes días un dos maiores temporais dos últimos 30 anos, o peor dun mes de novembro desde 2001. En Mallorca e Menorca permanece activada a alerta laranxa na costa por ondas de 4 a 6 metros.

Esta mañá unha boia situada no porto de Maó rexistrou unha onda de preto de 12 metros de altura. Menorca segue incomunicada por vía marítima.No interior das illas rexistraranse refachos máximos de vento de entre 80 e 90 quilómetros por hora.

En Cataluña, a alerta laranxa por vento forte permanece activada en Xirona por refachos que poden superar os 100 quilómetros. En Barcelona e Lleida o nivel de alerta é amarelo, pero as previsións apuntan a unha mellora da situación durante a tarde. Na capital catalá unha muller quedou ferida grave este luns ao caerlle enriba un valo derrubado polo vento. En Aragón e Navarra están tamén en alerta amarela por refachos de vento de ata 80 quilómetros por hora.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017