CRTVG

Buscar

Alerta pola proliferación de ataques informáticos a empresas galegas

Publicado o 04/11/2019 14:11

Un virus que bloquea os ordenadores é o método que empregaron os piratas informáticos en diversos ataques realizados nos últimos días contra empresas de Xinzo de Limia e de Monforte. Os delincuentes piden moeda electrónica para desbloquear os equipos, pero os expertos advirten que nunca se debe pagar. Tamén alertan dos riscos de que se vulnere a protección de datos.

O procedemento utilizado polos piratas informáticos nos catro casos que se acaban de coñecer en Galicia, tres empresas de Xinzo e outra de Monforte, foi o mesmo. Un virus que se activa ao descargar un arquivo e que, se non atopa barreiras, infecta todos os dispositivos en rede. A cambio do contrasinal para desencriptalos, os delicuentes piden cartos. 

"Xeralmente, un pago en criptomoedas porque a identidade do titular é máis difícil de rastrexar. Normalmente son ataques aleatorios e de fóra de España, na comunidade europea, Europa do Leste, sobre todo. Pero tamén pode ser un ataque dirixido, a un responsable en concreto", explica Román Arias Fraiz, avogado e delegado en Protección de Datos certificado pola AEPD. 

Estes casos transcenderon porque as empresas afectadas presentaron denuncia. Pero non é o habitual. Aínda que son delictos cada vez máis frecuentes a maioría adoita resolvelos de portas para adentro, algo desaconsellado polos expertos: "Nunca se recomenda pagar porque facelo non garante que o executor do virus nos envíe o contrasinal cando reciba o pago. Queda sometido á súa vontade. Si se recomenda denunciar, tanto Policía Nacional como Garda Civil, que teñen equipos especializados en ciberdelincuencia".

Román Arias, asesor dunha das últimas empresas afectadas, alerta sobre os casos en que os piratas usurpan datos protexidos porque as empresas teñen a obriga de custodialos: "Cando se trata de datos de carácter persoal, a Axencia Española de Protección de Datos obriga a comunicalo antes de 72 horas, un prazo moi breve, polo que é fundamental actuar rápido: ver o alcance, documentalo, facer o informe e tomar medidas para minimizar o impacto".

Cando non acceden a datos persoais, os danos adoitan solucionarse con copias de seguridade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/11/2019