CRTVG

Buscar

Alerta no Levante por grave risco de enchentes e inundacións

Publicado o 13/09/2019 08:31

A DANA, a depresión illada en niveis altos, pode deixar hoxe novos episodios de inundacións na Comunidade Valenciana e a Rexión de Murcia, onde onte caeron nun par de horas as precipitacións equivalentes a todo un ano. Familias desaloxadas, poboacións incomunicadas por estrada e as principais cidades sen servizo ferroviario son o resultado dun regueiro de incidencias entre as que, por fortuna, non houbo danos persoais.

En Orihuela, na provincia de Alacante, nin os máis vellos do lugar lembran unha tromba de auga semellante á que caeu onte. Poboacións completamente illadas, estradas afundidas nun mar de lama ou convertidas en fervenzas, e veciños rescatados.

Na comarca do Baix Segura chegaron a caer en tres horas máis de 250 litros por metro cadrado, unha cifra semellante á chuvia que nesta zona rexistran nun ano completo. O ceo esborrallándose dun xeito que os veciños cualifican como tebroso, e que deixou dunha ristra de danos aínda por cuantificar.

Colectores do lixo pola rúa abaixo en Callosa do Segura, persoas evacuadas, e este é o estado das vías do tren. Son imaxes que captaron os propios veciños e tamén os efectivos de emerxencias, que recibiron a colaboración de varias unidades de exército para atender as incidencias.

A situación para hoxe é tamén de alerta en Murcia. A capital e a cidade de Cartaxena amenceron incomunicadas por estrada, hai barrios desaloxados por temor ás enchetes dos ríos, graves incidencias en servizos ferrioviarios e centos de rúas impracticables en varias localidades.

Houbo rescates e desaloxos, con albergues habilitados en Cieza, Alguazas ou Molina de Segura, e para hoxe agárdanse oura vez precipitacións de ata 200 litros por metro cadrado en 12 horas. Onte, as precipitacións que provocaron este caos con danos aínda por cuantificar, son tamén equivalentes ás que caen habitualmente en 12 meses.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019