CRTVG

Buscar

Alemaña experimenta un incremento no número de casos de coronavirus

Publicado o 20/05/2020 18:28
Alemaña experimenta un incremento no número de casos de coronavirus

Alemaña sumou nas últimas 24 horas 797 contaxios e 83 mortos por mor da Covid-19. Isto tradúcese nun aumento do cómputo diario da pandemia que sitúa o total de contaxiados en máis de 176.000. O total de falecidos supera 8.000. Así o confirma o último balance do Instituto Robert Koch, a axencia gobernamental alemá que se encarga de facer o seguimento das enfermidades infecciosas. As novas cifras superan as 72 mortes e os 513 contaxios que se rexistraron contabilizaron no país no balance do pasado martes.

Italia suma 161 mortos e o Reino Unido 363

En Italia rexistráronse 161 mortos nas últimas horas. O total de falecidos ascende a 32.330, segundo os últimos datos oficiais de Protección Civil. A cifra total de contaxiados desde o inicio da emerxencia o 21 de febreiro en Italia, elévase a 227.364, con 665 nas últimas 24 horas. Máis de 132.000 persoas xa se curaron. Na actualidade, hai 62.752 positivos, dos cales algo menos de 10.000 están hospitalizados e 676 ingresados en coidados intensivos.

As mortes por  COVID-19 confirmadas en hospitais, residencias e domicilios do Reino Unido chegaron hoxe ás 35.704, tras sumar 363 novos falecidos, segundo os datos ofrecidos polo Goberno británico. Detectáronse 2.472 novos contaxios

Portugal estabiliza os contaxios e márcase como obxectivo aumentar en 400 o número de camas de UCI 

As autoridades de saúde de Portugal indicaron hoxe que as cifras de novos contaxios diarios permanecen estables. As deste mércores ascenden a 228. No país luso márcanse como obxectivo aumentar en ata 400 o número de camas dispoñibles en coidados intensivos.

Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde, rexistráronse 16 novos falecementos e 228 contaxiados máis por coronavirus. A cifra total de falecidos en Portugal é de 1.263, mentres que se contabilizan un total de 29.660 infectados. Así mesmo, a taxa de crecemento dos contaxios mantense no 0,8%.

Francia suma 110 falecidos pola COVID-19 pero baixan os enfermos graves

Francia sumou este mércores outros 110 mortos pola COVID-19, polo que totaliza 28.132 desde o inicio da crise sanitaria, á vez que diminuíron os pacientes hospitalizados que requiren coidados intensivos, indicou o Ministerio de Sanidade.

En total, 1.794 pacientes atópanse en unidades de coidados intensivos, cen menos que no último balance, lonxe dos máis de 7.000 que chegou a ter no peor momento da pandemia.

A maioría dos casos graves concéntranse no leste e na rexión de París, as zonas que requiren unha maior vixilancia e onde a desescalada está a facerse con maior prudencia.

Nas últimas 24 horas, rexistráronse 418 novos contaxios que elevan o total aos 143.845.