Alemaña bota o freo na desescalada ante o aumento da incidencia da covid
• Desafío ás novas restricións en Francia, onde se disparan os contaxios e os ingresos na UCI
Sen distancias nin máscaras. 6.500 persoas celebraron así o carnaval en Marsella a pesar das restricións que afectan desde o sábado vinte millóns de franceses de 16 departamentos. Esta festa acabou disolta pola policía, pero tampouco foi un caso illado. No país sucéndense os desafios á estratexia do Goberno de Macron para frear os contaxios -30.000 diarios- e evitar un novo colapso das UCI.
Os hospitais de Italia xa notan a presión do aumento dos contaxios, entre quince e vinte mil diarios nos últimos días. Dous de cada tres italianos están xa confinados e a medida esténdese a todo o territorio en Semana Santa.
Tamén Alemaña comeza a temer a chegada dunha cuarta vaga do virus. A incidencia da covid está subindo desde hai un mes e supera os cen casos por cen mil habitantes, a raia vermella que marcaron as autoridades para frear o proceso de desescalada. O Goberno de Angela Merkel e os dos estados federados acordaron manter as restricións polo menos outras tres semanas.