CRTVG

Buscar

Alemaña prorroga o distanciamento social ata o 3 de maio, xusto antes da reapertura de colexios e comercios

Publicado o 15/04/2020 18:42
Alemaña prorroga o distanciamento social ata o 3 de maio, xusto antes da reapertura de colexios e comercios

Alemaña prolongou hoxe ata o 3 de maio as medidas de distanciamento social e restrición de contactos persoais impostas contra a pandemia do coronavirus, aínda que se prevé unha apertura gradual da vida pública, escolar e comercial. A chanceler alemá, Angela Merkel, e os líderes rexionais acordaron a continuación da vida escolar de forma gradual o 4 de maio, así como a reapertura dos comercios de ata 800 metros cadrados, mentres se recomenda levar máscara en todo espazo público.

"Logramos un éxito, pero aínda é parcial e fráxil", afirmou Merkel, en alusión á retardación dos contaxios e o alto número de pacientes recuperado. A recuperación dalgunhas actividades empezará xa o vindeiro luns, coincidindo co fin das vacacións de Semana Santa, en que se reabrirán bibliotecas, arquivos e museos.

Mantense a prohibición de reunións ou saídas en grupos de máis de dúas persoas, ampliable a máis membros, para quen convive nun mesmo fogar. A norma xeral é manter unha distancia persoal mínima de 1,5 metros, o que non impide a práctica individual de exercicio ou deporte ao aire libre.

O Ministerio do Interior decidiu pola súa banda tamén hoxe a prolongación ata o 4 de maio dos controis fronteirizos impostos en marzo e que afectan tanto a quen ingresa no país por vía terrestre como aérea ou marítima. Estes controis practícanse tanto nos pasaxeiros que entran polas fronteiras interiores con Austria, Suíza, Francia, Luxemburgo e Dinamarca, así como aos procedentes de Italia e España. 

 

Noticias web

15/04/2020