CRTVG

Buscar

Alemaña prorroga ata xaneiro as restricións, entre elas o peche da hostalería

Publicado o 25/11/2020 22:20

A chanceler alemá, Angela Merkel, confirmou este mércores que as restricións polo coronavirus van prolongarse polo menos ata principios de xaneiro, aínda que algunhas se relaxarán para os festivos do Nadal.

"Debemos seguir traballando para reducir os casos e por iso temos que endurecer as medidas", explicou a chanceler na conferencia de prensa en que explicou o acordo que alcanzou esta tarde cos líderes dos 16 estados federados.

  • Bares e restaurantes, teatros, museos, cinemas e ximnasios seguirán pechados
  • Os comercios terán unha ocupación limitada
  • O turismo segue prohibido, as reunións limítanse a cinco persoas de dous fogares (os menores de 14 non contan) e recoméndase o traballo desde a casa
  • Os colexios, na maioría dos casos, continúan abertos

As restricións á vida pública e a actividade económica, en vigor desde o 2 de novembro, só lograron un "éxito parcial", freouse o crecemento exponencial, pero o número de novos casos diarios estabilizouse nun nivel "demasiado alto", indicou. "A situación non permite retirar as restricións", lamentou a chanceler, que lembrou que o "obxectivo" é reducir a incidencia acumulada en sete días caia por baixo dos 50 casos por cada 100.000 habitantes.

Actualmente a media nacional achégase aos 150, con varias decenas de municipios, entre eles Berlín, por encima dos 200. Merkel pediu un "esforzo" aos alemáns para as próximas semanas e aludiu á cifra de mortos por ou con covid-19 —410 nun máximo alcanzado este mesmo mércores— para lembrar que "hai vidas que están a desaparecer demasiado pronto".

Merkel indicou que se permitirán certas excepcións entre o 23 de decembro e o 1 de xaneiro e elevarase a dez o número máximo das reunións (onde os menores de 14 anos non contan). Atendendo ao diferente impacto en cada land, permitirase que as autoridades rexionais poidan endurecer ou relaxar as medidas, pero son de momento maioría os territorios que mostran unha incidencia da pandemia superior ao obxectivo de 50 novas infeccións por cada 100.000 habitantes nun período de sete días.

Noticias web

25/11/2020