CRTVG

Buscar

Alemaña prorroga ata o 14 de febreiro o peche da vida pública

Publicado o 19/01/2021 22:05

• Impón as máscaras cirúrxicas ou FFP2 no transporte público e no comercio

Alemaña prorroga ata o 14 de febreiro o peche da vida pública

Alemaña prorrogou ata o 14 de febreiro as actuais restricións, que implican o peche case total da vida pública e as clases presenciais, a pesar da desaceleración dos contaxios e ante o temor á propagación de novas mutacións da covid.

A chanceler Angela Merkel informou desa prórroga ao termo da súa reunión cos líderes rexionais, así como da implantación do uso obrigatorio máscaras cirúrxicas ou FFP2 no transporte público e comercios, e a extensión do teletraballo en todos os ámbitos laborais onde sexa posible.

Desde novembro está pechada en Alemaña o conxunto da vida cultural, o lecer e a gastronomía, peche que en decembro se estendeu ao comercio e servizos non esenciais.

Non houbo acordo, en cambio, para impoñer un toque de queda nocturno a escala nacional, como propoñía a chanceler apoiada por expertos, por falta de acordo dos Länder, xa que algúns o consideraban innecesario.

"As cifras van en retroceso, pero a evolución no Reino Unido e outros países fannos non baixar a garda", indicou a líder alemá, para engadir que na propia Alemaña se detectaron xa algúns casos relacionados con esas novas variantes, aínda que non se concretou o seu alcance.

Este perigo obriga, a xuízo da chanceler, a manter as restricións introducidas entre novembro e decembro, que en principio ían estar vixentes ata principios de xaneiro. Xa nunha anterior reunión cos poderes rexionais decidiuse alongar ata finais deste mes, ao que segue agora esta nova prolongación.

Desde novembro está pechada en Alemaña o conxunto da vida cultural, o lecer e a gastronomía, peche que en decembro se estendeu ao comercio e servizos non esenciais; tras as vacacións de Nadal non se renovou a actividade escolar presencial regular.

O Instituto Robert Koch (RKI) de viroloxía verificou este martes case mil mortos con ou pola covid-19, despois de varios días con cifras á baixa. Observouse ademais unha clara desaceleración de novos contaxios -11.369 nas últimas 24 horas, fronte aos máis de 30.000 que chegaron a rexistrarse hai poucas semanas-.

No conxunto de Alemaña, a incidencia acumulada nos últimos sete días sitúase en 131,5 casos por cada 100.000 habitantes. En decembro rexistrouse unha incidencia máxima de 197,6 casos semanais.

A cifra total de vítimas mortais en toda a pandemia sitúase xa en 47.622, mentres que a de contaxios verificados ascende a 2,052 millóns. 

Noticias web

19/01/2021