CRTVG

Buscar

Alemaña investiga unha posible nova variante da covid detectada en Baviera

Publicado o 18/01/2021 13:22
Alemaña investiga unha posible nova variante da covid detectada en Baviera

Virólogos alemáns investigan unha posible nova variante da covid-19 detectada nunha clínica de Garmisch-Partenkirchen, en Baviera, segundo informacións da televisión pública ARD, que se remite a fontes sanitarias locais.

Entre os expertos que están a analizar o caso atópase Christian Drosten, director de Virología da clínica universitaria da Charité, en Berlín, e virólogo de referencia en Alemaña.

A orixe da sospeita é un brote xurdido na clínica de Garmisch-Partenkirchen, en que se confirmaron 73 positivos -entre pacientes e persoal médicos-; en tres deses casos parece tratarse dunha variante ata descoñecida, aínda que non se determinou ata o momento si reviste maior risco.

En Alemaña rexistrouse nos últimos días unha clara desaceleración dos novos contaxios, aínda que as autoridades sanitarias e o goberno de Angela Merkel alertan contra unha eventual extensión da variante británica ou a surafricana.

Controlar a propagación en territorio alemán destas novas variantes é clave porque estas mutacións parecen ser máis infecciosas, argumentou hoxe o ministro de Sanidade, Jens Spahn.

"Parece que non afectan á gravidade da enfermidade. Pero infectan a moitas máis persoas. Iso significa máis hospitalizados e unha maior ocupación das UCI", recalcou.

O total de mortes con ou por covid-19 desde o inicio da pandemia sitúase en Alemaña 46.633 e o de contaxios alcanza os 2.040.659, segundo datos do Instituto Robert Koch (RKI) de virología.

Nas últimas 24 horas verificáronse 7.141 novos casos de covid e 214 mortes, as menores cifras en semanas.

A incidencia acumulada de novos casos, por unha semana e 100.000 habitantes, baixou así 134,4. O nivel máximo rexistrouse o 22 de decembro, con 197,6 casos semanais por ese cómputo de habitantes. A partir de 50, o RKI considera que se está en zona de risco.

A marca máxima diaria de vítimas mortais rexistrouse o pasado xoves, con 1.244 mortes, mentres que a de contaxios reportouse o 18 de decembro, con 33.777 novas infeccións.