CRTVG

Buscar

Alemaña axudará a Francia, España e Italia tras considerar 'controlable' a epidemia

Publicado o 17/04/2020 22:03

Alemaña acaba de declarar que a pandemia xa é controlable no país, cos novos contaxios aumentando menos dun 1%.

O luns reabrirán os comercios de maior tamaño. Relaxan a hibernación da economía, pero os colexios, bares e restaurantes seguirán pechados. Agora, di o Goberno, axudaremos a España, Francia e Italia.

Francia suma 18.681 mortes pero confirma a caída da tensión hospitalaria

O número de mortos por coronavirus en Francia situouse este venres nos 18.681. Deles, 11.478 rexistráronse en hospitais, 418 nas últimas 24 horas, segundo indicaron as autoridades sanitarias, que confirmaron que se mantén unha leve baixada da tensión neses centros. 

Os outros 7.203 falecementos tiveron lugar en residencias de anciáns e centros de dependencia, pero o Executivo francés recibe estes datos desde o pasado 1 de marzo de forma paulatina, polo que os aumentos diarios, de 343 hoxe, non se corresponden con mortes nesa mesma franxa temporal. 

Así mesmo, o director xeral de Sanidade, Jérôme Salomon, indicou na súa conferenicia de prensa diaria sobre a situación que hai 31.190 persoas hospitalizadas por coronavirus en Francia. 

Aínda que nas últimas 24 horas houbo 2.167 novos ingresos, o saldo neto entre admisións e altas volveu ser negativo por terceiro día consecutivo, con 115 pacientes menos hospitalizados nesta ocasión. 

Tamén baixou, neste caso por noveno día, a cifra de enfermos nas unidades de coidados intensivos (UCI): hai un total de 6.207 pacientes, deles 243 admitidos o último día, pero con 221 pacientes menos. 

En todo o país confirmáronse desde o 1 de marzo 109.252 casos de coronavirus e recibiron o alta 34.420 persoas. "Os esforzos colectivos demostran a súa efectividade", encomiou  Salomon sobre o respecto das medidas de confinamento, que comezou o pasado 17 de marzo e estenderase de momento ata o 11 de maio.

Os falecidos por COVID-19 no Reino Unido aumentan a 14.576

O número de mortos por coronavirus en hospitais británicos incrementouse a 14.576 tras sumarse outros 847 novos falecementos nas últimas 24 horas, segundo revelaron este venres as autoridades sanitarias do país. A cifra de novos falecementos, que non contempla os ocorridos fóra de centros sanitarios, segue na liña dos 861 decesos rexistrados onte, xa que, segundo os expertos, o país atravesa o pico da pandemia.

Os mortos en Italia ascenden a 22.745 e baixan contaxios e hospitalizados

Os mortos en Italia con coronavirus son xa 22.745 ao rexistrarse 575 nas últimas 24 horas, unha cifra superior aos 525 do xoves, mentres segue baixando o ritmo de contaxios e as persoas hospitalizadas e as ingresadas en coidados intensivos. Os casos totais de contaxios desde que se detectou o 21 de febreiro o coronavirus en Italia ascenden a 172.434, con 3.493 desde onte, menos que a xornada anterior, e deles 42.727 xa se curaron (2.563 as últimas 24 horas, a cifra máis alta desde o inicio da emerxencia)

O número de persoas actualmente positivas en Italia é de 106.962 e o aumento diario destes casos confirmados foi só de 355. Delas, 76.364 están illadas nas súas casas con síntomas leves (73 %), 25.786 ingresadas nos hospitais, e 2.812 en coidados intensivos.

Trump deixa a reapertura en mans dos gobernadores

Nos Estados Unidos Trump presentou un plan para reabrir a economía pouco a pouco, en tres fases, pero sen prazos. A administración federal dá pautas, pero deixa o como e o cando en mans de alcaldes e gobernadores. Considera que os estados menos afectados poden poñer fin ao confinamento. Para pasar dunha fase de restricións a outra máis suave recomenda deixar pasar 14 días sen recaídas na baixada de contaxios.

Primeira caída do PIB chinés en 44 anos

A China é un exemplo do impacto que pode ter o coronavirus nas economías. O seu produto interior bruto caeu por primeira vez desde a morte de Mao hai 44 anos. E fíxoo con forza, case un 7%. Coa economía xa reactivada a recuperación da chamada fábrica do mundo dependerá de como evolucione a pandemia nos países que mercan os seus produtos. E Wuham, o epicentro da pandemia, revisou á alza a cifra de falecidos. Sumou outros 1.300, sobre todo persoas que non se contaran porque morreron na casa ante o bloqueo inicial dos hospitais.

 

Noticias web

17/04/2020