Alejandro Gómez ten previsto asistir á homenaxe que lle tributará o sábado o atletismo galego
A federación galega agarda que ao acto se sumen unhas 150 persoas, entre atletas, xuíces, federativos e representantes dos clubs. A homenaxe segue sumando participantes.
"Tamén temos adhesións da federación española, do Comité Olímpico Internacional e de moitas entidades. Alejandro é un home moi querido", anuncia o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.
Atlanta 1996. Terceiros xogos olímpicos de Alejandro Gómez. Os atletas galegos reúnense para celebrar o 25 de xullo xunto ao Bruxo Torrado, fisioterapeuta da delegación española, e o seleccionador nacional de medio fondo, Mariano García Verdugo. Algúns deles están convidados á homenaxe a quen foi 36 veces internacional en categoría absoluta e varias veces campión de España de campo a través, de medio maratón e dos 10.000 metros.
"Imos outorgarlle a nosa máxima condecoración, que é unha placa de honra coa medalla de ouro da federación galega. Tamén queremos que, no sucesivo, o campionato de Galicia de 10.000 metros se chame Alejandro Gómez para que no futuro as novas xeracións coñezan este home.", comentou Hornillos.
O galgo de Zamáns anunciou a súa presenza no acto da fin de semana. "É un home valente, un home que quere estar neses momentos recibindo o cariño de todos nós e xa nos confirmou que estará o vindeiro sábado na homenaxe que lle imos facer", dixo Isidoro Hornillos.
O acto de recoñecemento a Alejandro Gómez celebrarase o sábado no hotel Coia de Vigo a partir das sete da tarde.