CRTVG

Buscar

"Pasamos moito medo, cinco minutos para morrer"

Publicado o 09/07/2019 21:56

• Os afectados polas treboadas tardarán días en recuperar algo de normalidade

• O pedrazo dana viñedos na comarca de Valdeorras

• As inundacións en Navarra deixan un morto e a declaración de zona catastrófi

Os veciños de Infesta traballan para volver á normalidade. A tromba de auga que caeu en Monterrei nas últimas horas deixou a aldea arrasada. Un río de lama, pedra e cascallos inundou casas, rompeu pendellos e muros e estragou os cultivos de viño. "A aldea está totalmente arrasada. Debeu coller un anaco de montaña e arrastrou pedras e paus. Non se pode pasar por ningunha rúa. Entrou auga nas casas. Coches estragados..." "Tirou muros, paredes, afogaron animais"."Viña un rapaz de Infesta co coche e aquí tivo que parar que llo levaba a auga"."Baixaron pedras do monte que non se sabe nin onde apareceron". "Hai xente aquí de 95 anos e non lembra algo como isto", eran algúns dos relatos dos afectados.

Na primeira tromba de auga caeron 30 litros por metro cadrado en apenas 10 minutos. E seguiu chovendo. O río Alvarellos rebordou. A Garda Civil tivo que sacar ao lombo varios veciños de Infesta e tamén de Vilaza. "Claro que tivemos medo. O baixo da casa está todo asolgado. Derramouse todo. O muíño, as motoserras, toda a maquinaria, o grao, todo o que había na adega derramouse todo", contaban este martes.

A peor parte levouna un home de Guillarei que está grave na UCI. A riada arrastrouno 50 metros. Os veciños tiveron que rescatalo. "Estabamos aquí e oíamos berrar auxilio, auxilio e o home estaba alí naquelas xestas por debaixo dunha pila de bloques".

En Verín, os bombeiros rescataron unha muller encamada que quedara atrapada pola auga na súa casa.

E en Albarellos e Vilaza, o pedrazo deixou aldeas cubertas dun manto branco,coma se nevara en pleno mes de xullo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2019