CRTVG

Buscar

Alcoa sementa dúbidas sobre o futuro da súa factoría en San Cibrao

Publicado o 21/03/2019 15:45

Unhas seis mil familias da Mariña luguesa viven pendentes do futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao. A empresa abriu o camiño a un posible peche, ao igual ca nas fábricas da Coruña e Avilés. En Cervo e Xove cren que a marcha da multinacional suporía un grave impacto económico e social para toda a provincia de Lugo.

O futuro de Alcoa en San Cibrao mantén en desacougo unhas 6.000 familias de toda A Mariña de Lugo. A empresa argumenta que o alto prezo da enerxía non lle permite seguir producindo a prezos competitivos. Os veciños non son moi optimistas, pero cren que aínda pode haber unha solución.

Alcoa supón o 33 por cento do PIB de toda a provincia de Lugo. O seu peche minguaría ademais os servizos dun pequeno concello como o de Xove, que conta nos seus orzamentos con nove millóns de euros procedentes da multinacional.

Reaccións políticas

O Partido Popular reclama que o Goberno central busque unha solución ao problema de Alcoa. Parlamentarios e alcaldes populares da Mariña visitaban hoxe a fábrica de San Cibrao e pedíanlle a Pedro Sánchez que rectifique a súa política enerxética para Galicia e promova medidas para garantir o futuro de Alcoa.

E sobre a planta de Alcoa na Coruña falou o alcalde da cidade. Xulio Ferreiro cualifica de "insuficiente" o borrador do estatuto das empresas electrointensivas que presentou o Goberno central. Cre que non facilita a compra da factoría e por iso o Concello estudará presentar alegacións ao texto.

Noticias web

21/03/2019