CRTVG

Buscar

Alcoa propón despedir ata 534 traballadores de San Cibrao

Publicado o 28/05/2020 21:36

Alcoa quere despedir ata un máximo de 534 traballadores da súa factoría de San Cibrao. Así llo comunicou hoxe aos representantes dos traballadores, cos que inicia un período informal de consultas previo ao período formal para abordar o proceso de despedimento colectivo.

A empresa alude ás "graves circunstancias" a á "situación insostible" pola que atravesa a planta de aluminio, que atribúe a "factores estruturais inherentes e a dificultades de carácter permanente". Os plans de Alcoa pasan por unha reestruturación na planta de aluminio, onde traballan na actualidade 633 persoas, onde só operaría unha parte da fundición.

A compañía propón abrir un período de consultas de caracter informal coa representación dos traballadores, "que terá unha duración aproximada de tres semanas", segundo o comunicado que vén de distribuír, "para explicar a situación da planta, os retos que afronta e discutir as opcións e medidas".

Entre os problemas que cita a empresa, están "problemas externos de produción e mercado que fixeron que a produción de aluminio primario sexa ineficiente e a operación da planta non sexa competitiva". Entre eles inclúe "os altos custos de enerxía e o baixo prezo do aluminio", ademais do "exceso de capacidade global" que causaron, di "significativas perdas recorrentes, que se prevé que continúen".